Wednesday 08 de May de 2024

O concello inicia a execución do proxecto de mellora das estradas que comunican o Raño co Igrexario de Montemaior e O Xestal


O orzamento supera os 94.000 euros.

O Concello iniciou a execución do proxecto de mellora da rede viaria na parroquia de Montemaior que afecta a dúas estradas que parten de O Raño e comunican ese núcleo co Igrexario e con O Xestal.

A primeira fase das intervencións afectou a un tramo do ramal entre O Raño e O Igrexario. O proxecto culminarase tralas festas do Nadal nunha segunda fase que incluirá o remate dese mesmo tramo e a actuación entre O Raño e O Xestal.

En total o proxecto afecta a unha lonxitude lineal de 1,7 quilómetros de vías que ao longo do seu percorrido lindan directamente ou dan acceso a un importante número de parcelas agrícolas e mesmo a unha instalación agrogandeira. O triplo propósito da intervención é mellorar a superficie de rodadura do firme, a drenaxe e a sinalización para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade viaria.

Esta intervención está incluída no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O proxecto está valorado en máis de 94.000 euros, dos cales Agader financia 78.456 euros e o Concello a parte restante con fondos municipais.